Friday 17 de May de 2024

A Xunta achega aos empresarios da Coruña os servizos de mellora competitiva do programa reacciona TIC


O Igape e a Amtega organizan conxuntamente a xornada técnica que se desenvolverá o próximo martes, día 22, na sede da CEC para informar sobre o potencial dos servizos deste programa para facer fronte aos retos da transformación dixital e a industria 4.0

Facilitar ás pequenas e medianas empresas galegas información e asesoramento sobre as oportunidades e os retos relacionados coa transformación dixital e a industria 4.0. é o obxectivo fundamental da xornada técnica centrada no programa ReAcciona TIC, que vén de ser activado pola Xunta para facilitarlles ás empresas beneficiarias a incorporación de competencias e tecnoloxías para mellorar a súa competitividade.

A xornada informativa sobre os servizos ReAcciona TIC, organizada conxuntamente polo Igape e a Amtega, desenvolverase o próximo martes, 22 de novembro, a partir das 19 horas, na sede da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), e incluirá relatorios especializados sobre os servizos habilitados pola Xunta para o fomento da economía dixital nas pemes, así como exemplos de prácticas de éxito de empresas que xa destacan por aplicar solucións dixitais ou da Industria 4.0.

As bases reguladoras das axudas do programa ReAcciona TIC, orientadas a facilitar o desenvolvemento dun amplo catálogo de servizos para facilitar o impulso da empresa dixital e da incorporación de solucións propias da Industria 4.0 nas pemes galegas, publicáronse no DOG o pasado 26 de outubro. Desde o 31 de outubro, e durante un mes, está aberta a primeira convocatoria deste innovador programa, que irá seguida doutras convocatorias nos próximos meses para facilitar servizos de modernización e innovación destinados a incrementar a competitividade e a produtividade nas pemes. As solicitudes deben presentarse na web do Igape, e os servizos seranlles facilitados ás empresas beneficiarias, a custos reducidos.

Industria 4.0
Para o impulso da Industria 4.0, e no marco do desenvolvemento da Axenda da Competitividade, a oferta inclúe servizos para establecer novas fórmulas de produción e para impulsar a fabricación de produtos diferenciados e de calidade a través de novos modelos e procesos de deseño, creación e distribución. Así, as pemes poderán acceder a asesoramento especializado para avaliar a súa capacidade e as oportunidades ao seu alcance para aplicar solucións de Industria 4.0 que lles permitan unha maior flexibilización, automatización, interconexión e sustentabilidade dos contornos produtivos.

Empresa dixital
No ámbito da empresa dixital, o programa Reacciona TIC facilitará a prestación de servizos avanzados para promover a dixitalización empresarial, comezando pola diagnose do grao de modernización tecnolóxica e a identificación das oportunidades de mellora que permitan incrementar a competitividade. As compañías beneficiarias poderán acceder igualmente a servizos de soporte para a implantación de solucións de mobilidade que melloren a conectividade con traballadores, clientes ou provedores; para a incorporación de solucións TIC orientadas á mellora da xestión empresarial; ou para a implantación de solucións de márketing dixital que permitan optimizar a presenza das empresas en internet.

Convenio Amtega-Igape
No marco dun convenio de colaboración asinado entre a Amtega e o Igape, a Xunta suma esforzos e recursos para impulsar a modernización e a innovación tecnolóxica do tecido empresarial de Galicia a través da convocatoria de servizos avanzados para o impulso á empresa dixital e á Industria 4.0. que se explicarán polo miúdo na xornada técnica que se celebrará o próximo martes, día 22, na Coruña

O ReAcciona TIC reforza a aposta da Xunta pola incorporación das solucións 4.0 e das TIC en xeral nos sectores produtivos da comunidade, contando cun orzamento público conxunto de máis de 2,3 millóns de euros deica 2017. O catálogo de servizos do ReAcciona TIC está cofinanciado pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, orientado a promover o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación e conseguir un tecido empresarial máis competitivo.

Esta actuación enmárcase no desenvolvemento da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, liderada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, que aspira a modernizar a industria galega a través da innovación, establecendo novas fórmulas de produción que melloren a súa competitividade, e impulsando a fabricación de produtos diferenciados e de calidade; e converxe co establecido na Axenda Dixital de Galicia 2020, liderada pola Amtega, que fixa como obxectivo a aceleración da economía dixital como un factor de relevancia para impulsar o crecemento económico na comunidade.